VI Desamañecía no buraco do valado, desamañecía na lingua do lagarto-píntega, desamañecía e non recordaba a cara da súa nai. Púxose en pé e buscou entre as biólogas que recollían bolboretas a faciana materna. Mirou e saudou a todas erguendo levemente o seu chapeu de “meripopins”. Elas rían e comentaban entre risiños licenciados o espectacular caso de cretinismo do que eran espectadoras. Choveu e as biólogas fuxiron entre berriños á Universidade que, como moi ben sabía a lesma do xardín da Facultade de Xornalismo, non é máis que unha lameira seca abafada por unha calefacción de tinta. Noxento para calquera tipo de vida minimamente intelixente, dígocho de corazón!
E o anfibio volveu a horizontalidade entre as flores maldicindo a razón que o impulsara a tal dor de riles polo abuso da posición vertical, e botou en falta unha man cálida que lle cantara unha nana mentres lle daba unhas fregas de caña no lombo. No lombo! Mmmmm, no lombo e máis alá! Gloria bendita! Máis como non sabía nada de masaxes espirituais bebeuse unha botella de augardente e notou como de novo desamañecía no buraco do valado. Mamaíña! Suspirou.

vidas do lagarto

free web counter

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP