I Era un lagarto miope que odiaba o sol en especial cando non chovía. As arelas tíñaas de home pero camiñaba coma un lagarto. Nas noites de lúa nova facía crer que durmía, pero só pechaba os ollos e contaba a quen o escoitara que devecía por fuxir en soños sen tempo. Falaba moi baixiño, tratando de que a lingua non se lle enredara nos dentes, sobre todo cando pronunciaba un eu creo. Era este un verbo que odiaba o réptil, en todas as súas variacións e posibilidades. Nin condicionado era quen de pronuncialo sen problemas de coordinación bucolinguais.
Era un lagarto camaleónico, cousas de familia dicía el, mais o que non sabían os habitantes do valado onde durmía era que o de camaleón víñalle doutra vida. Si, o camaleón-lagarto cría na transmigración das almas pero na mesma vida e nas outras, en cada silencio que lle permitira ollar cara diante decatábase de que xa vivira outra vida inútil e iso cansábao, dáballe noxo e como resposta odiaba o sol en especial cando non chovía.

vidas do lagarto

free web counter

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP