stas historias do lagarto miope son dunha natureza allea a min e ó mesmo tempo pasearon entre as miñas orellas como un espírito iniciático e caótico. Aínda hoxe non son quen de interpretar dun xeito harmónico todo o que aconteceu naquel tempo en Camelle. O primeiro contacto por chamalo dalgún xeito aconteceu nos finais do inverno pasado. Erik e máis eu investigabamos os efectos do estramonio nos melómanos crónicos, cando nunha das nosas sesións de traballo descubrín no medio da lareira un lagarto, a cousa de primeiras non me chamou a atención dado que Erik cantaba Modlitba pro Martu e eu lembrei a praza de San Wenceslao en Praga, a que nunca cheguei por mor duns tanques soviéticos e a total seguridade de Erik en que no occidente estaba o noso sitio, e tiña razón, agora ocupando a cova de Manfred en Camelle temos ante nós o esplendoroso sitio que occidente tiña reservado para nós.
As setas da semana anterior agrandaran o meu materialismo crítico e ata pensei nas bondades de ter ducha, pero entón apareceu de novo ante min o lagarto no medio da lareira disolvéndoo todo. Perdinme polo seu tempo sen tempo respirando o aire que o seu espírito respirara en múltiples vidas. Fun réptil, anfibio, peixe, mamífero, vexetal e mineral. Ata recordo fun antes de ser todo oídos do lagarto que non paraba de falar das súas vidas, do tempo, das dioptrías estabilizadas, das orixes do universo, o sentido da vida e doutras cousas as que non prestei moita atención, perdido na procura do sentido que podería ter que o lagarto fóra miope coma min. Aí, lémbroo perfectamente, escoitei a Erik cantar no tellado.. “Es moi fácil, te es moi fácil neno si lo intentas, si lo intentas, pipipipipi, pipipipipi, pipipipipi......” Con ese inconfundible acento curuño que desde o día que durmimos en Riazor non se lle despega. Algo dentro de min levou as miñas mans na procura de papel e lapis e dun xeito automático escribín a primeira das historias do lagarto miope. En vista do resultado e dada a cantidade de estramonio apañado, repetín as sesións de traballo ata que o lagarto miope deixou de manifestarse e o meu fígado de funcionar correctamente.
Esta e non outra é a orixe destas trinta olladas do lagarto miope que eu recollín con grave risco da miña saúde mental e física, e que agora transcribo aquí.


Hjerbert Bönn

vidas do lagarto

free web counter

  © Blogger templates Newspaper II by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP